Wednesday 01 de May de 2024

Luz verde do Pleno ordense para as bonificacións na creación de emprego dentro do marco ‘Concellos Doing Business Galicia’


 

Tamén se aceptou por unanimidade a dimisión de Luís Caamaño Fraga, cuxa acta de concelleiro volverá ao Goberno. Desestimadas as alegacións ao novo mapa da zona ORA demandado polos comerciantes. Solicitaranse liñas de axuda para a mellora enerxética da piscina e do sistema de iluminación

Recén iniciado marzo o Concello de Ordes celebrou o seu pleno correspondente ao mes de febreiro. Un cambio debido a problemas de axenda por parte de moitas e moitos dos concelleiros. Aínda así a sesión celebrada onte contou coas ausencias dos voceiros de UxO e PSOE. Tampouco estivo presente Luis Caamaño Fraga, cuxa dimisión foi aprobada por unanimidade. A súa acta de concelleiro pasará a mans novamente do grupo do Goberno. Caamaño abandonara hai pouco máis de un ano o seu posto no Goberno local, sendo daquela responsable de Deportes, para incorporarse ao grupo dos non adscritos.

Susana García, edil de Igualdade, abriu a sesión coa lectura da declaración institucional con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. As condicións no eido laboral, principalmente das mulleres que presentan algún grao de diversidade funcional, as diferencias salariais en comparación coa poboación masculina ou a persistencia de estereotipos de xénero foron algúns dos puntos que se abordan neste texto.

Maior mobilidade
Por maioría desestimáronse as alegacións á modificación da ordenanza municipal da ORA, presentadas no seu día por Beatriz Martínez Candal. Afán recaudatorio, ausencia de trámites para a consulta pública ou primacía nos criterios políticos máis ca técnicos foron algúns dos alegatos da concelleira non adscrita. Pola súa banda José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, volveu a insistir unha vez máis, “que esta é unha petición formulada pola Asociación de Comerciantes de Ordes co fin da gañar en mobilidade e incrementar así as súas vendas”. O rexedor reprochoulle tamén “que das 100 sinaturas que presentou no Concello contra esta medida tan só 6 corresponden a residentes das zonas afectadas polas novas zonas de ticket. As restantes, na súa meirande parte, nin siquera pertencen a persoas empadroadas ou non son de xente que vive no núcleo urbano”.

Agás Martínez Candal e os integrantes do BNG, defensores de implantar zona azul gratuíta en toda a vila, así como os chamados ‘Leira parking’ (bonificacións a terreos privados que se cedan para aparcamentos), os demais membros da corporación votaron a favor de desestimar as alegacións. A anécdota da tarde deuse neste instante ao confundirse os 2 edís de UxO e votar contrariamente ao que tiñan pensado. Estes optan por eliminar a zona azul de pago e habilitar zona de residentes.

Co novo mapa da zona ORA, unha ves entre en vigor o novo texto, a rúa dos Lagartos deixará de ser de pago obrigatorio a cambio de incluír a rúa Mercado (tramo Parques Municipais – rúa Compostela) e a República Arxentina (tramo Alfonso Senra – rúa Nova). Ademais instaurarase zona azul gratuíta, cun prazo máximo de estacionamento de 90 minutos, nas seguintes rúas: Rúa Nova, Rosalía de Castro (tramo Alfonso Senra – Rúa Nova), Rúa Canteira (Alfonso Senra – intersección rúa Mercado con Ramón Ferreiro), zona Praza de Abastos, Rúa Mercado (tramo rúa Compostela – rúa Canteira), rúa Reconciliación, rúa Compostela (Alfonso Senra – Muíño), rúa O Recreo (parque municipal – rúa Mediodía).

Tamén quedou aprobada a modificación puntual relativa a un camiño que pasa por propiedade privada no núclo de Reboredo. Un punto no que Beatriz Martínez se abstivo e os tres edís do BNG votaron en contra xa que “deberíase haber aproveitado isto para mellorar outros camiños da mesma zona”.

IBI, IAE, ICIO
Unha vez máis a adhesión de Ordes aos ‘Concellos Doing Business Galicia’, aprobada no Pleno de xaneiro, volveu a ser tema de debate. Nesta ocasión no que se refire á precisa modificación das ordenanzas do IBI, IAE e ICIO e ás bonificacións que se aplicarán en base a aspectos relacionados coa creación de postos de traballo. Estas poderán chegar ata un 95% pola creación de máis de 20 empregos. A medida contou con voto favorable de case todos os representantes, xa que o BNG mantívose fiel á súa postura de absterse neste tema.

Onde si estiveron todos os grupos de acordo foi na solicitude ao Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital da subvención para a mellora da eficiencia enerxética na climatización da piscina Iván Raña (127.820 €) e no sistema de iluminación pública (136,678 €).

Nesta ocasión tan só o BNG presentou mocións. Na que se facía referencia aos problemas de altas temperaturas nas aulas do IES Maruxa Mallo non foi aprobada a súa urxencia. Así se decidiu despois de que a concelleira responsable da área, Susana García, lera un comunicado da dirección do centro onde se explicaba detalladamente a posta en marcha de propostas e iniciativas por parte da xefatura territorial de Educación para solventar o problema.

A pesar do apoio brindado por Beatriz Martínez os nacionalistas non puideron ver aprobada a súa proposta de bonificación de ata un 95% da cota íntegra do IBI para aquelas construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais situados en solo rústico. Pedían incluír tamén as compatibilidades na bonificación permitida por lei dentro do solo rural para edificacións destinadas a actividades vinculadas ás ditas explotacións. UxO argumentou a súa abstención na falta de tempo para poder analizar detidamente o contido e as consecuencias desta proposta, mentres que os restantes membros non adscritos e os membros do Goberno local ra exeitaron por “inxusta, arbitraria e descriminatoria”.

“Inxusta e arbitraria”
En palabras de Martínez Sanjurjo ante o texto do acordo proposto polo BNG “podería darse a contrariedade de que unha vivenda que non está destinada a uso agrícola se beneficiase desta bonificación tan só por estar a carón dunhas instalacións con unha actividade legalizada, mentres que outra pertencente a un gandeiro ou agricultor non podería por atoparse maís apartada do seu lugar de actividade”. O alcalde apostou pola coordinación e execución conxunta desta proposta con organismos catastrais e a mesma Deputación da Coruña, co fin de levala a cabo correcta e xustamente. Nos vindeiros días remitirase unha consulta á dirección xeral de tributos que informe sobre a viabilidade de aportar un mecanismo que permita bonificar ao 100% dos bens inmobles suscritos cos códigos BIG do catrastro.